Historia da “Asociación Folklórica San Xiao do Trebo”

-A actual banda de Gaitas “San Xiao do Trebo”, ten os seus orixes en Cariño, no ano 1989, cando un grupo de amigos que amaban a música tradicional Galega decide formar un grupo de gaitas. Aprenden a tocar Gaita Galega, Tamboril, Pandeireta e Bombo cun rapaz, mais novo que algún deles, chamado Miguel Crego. Axiña comezan a tocar nas festas locais e nas dos concellos veciños.

-Aquel director, que comezara a dar clase no ano 89, leva hoxe á fronte da banda nada menos que 17 anos, e foi un dos responsables da fundación da actual “Agrupación Folclórica San Xiao do Trebo”, que pasou de ser un pequeno grupo a ser unha das agrupacións máis numerosas da provincia da Coruña, chegando a contar con 45 membros de idades de entre os 5 anos ata os 70, sen contar ós alumnos da escola de gaita e percusión.

-Coa creación desta multitudinaria banda axiña chegaron as actuacións importantes. No ano 2000 a banda entra na XI Liga Galega de Bandas de Gaitas en 4ª división, conseguindo un sorprendente cuarto posto entre máis de trinta bandas, gracias ó empeño e ilusión que tódolos seus membros puxeron, e acadando o ascenso á 3ª división e clasificándose para a copa deputación da Coruña, éxito que repetiría ó ano seguinte ascendendo a segunda división. Todos estes éxitos levaron a “San Xiao do Trebo” a tocar en festas tan importantes como na XX edición da “Festa da Carballeira” en Zas,na Batalla das Flores, San Xoán e na regata “Cutty Sark” na cidade da Coruña, no “Festival de Bandas Filharmónicas” en Cascais e Estoril (Portugal), ou no “día de Galicia” en Madrid, entre outras menos coñecidas pero igual de importantes.

-Ademais das actuacións que “San Xiao do Trebo” fixo pola súa conta, tamén leva anos colaborando con bandas como “Brisas da Croa” de Ladrido (Ortigueira) ou “O Barqueiro” de Mañón, coas que nos une unha boa amizade, no 25 aniversario do “Festival do Mundo Celta” de Ortigueira, nun dos días da Regata “Cutty Sark” ou na “Batalla das Flores” da Coruña formando unha impresionante banda de máis de 75 compoñentes, o que lle valeu a preselección para o “Festival Interceltique” de Lorient en Francia. Ademais algúns dos nosos compoñentes participaron nalgunha actuación desta mesma banda como no “Enterro da Sardiña” en Murcia, ou nos desfiles previos á entrega dos premios “Príncipe de Asturias” en Oviedo. A banda tamén colabora coa “Danza de Arcos” de Cariño, grupo de danza orixinario da nosa vila, xa que algúns dos nosos compoñentes bailan nela, ou acompañando o baile con pezas do repertorio tradicional.

Outra característica que a nosa banda posúe, e que sen dúbida é a que mellor nos describe é o seu caracter alegre e festivo, cualidade que sempre nos transmitiu o noso director Miguel. O noso repertorio basease principalmente en muiñeiras, xotas e pasodobres tradicionais, ademais de rumbas, polcas e valses, e tamén de xigas de tradición escocesa e irlandesa, aínda que co caracter galego que lle dan os nosos instrumentos e traxes.

Esta banda sempre foi e será unha defensora das tradicións, por iso mesmo os nosos tamborís seguen sendo tradicionais, de Piñeiro, Freixo ou Nogal, ó igual que os nosos bombos e pandeiretas, e a nosa gaita galega sempre será ó estilo tradicional. O noso gaiteiro sempre abraza o fol da gaitiña levando o seu roncón sobre o ombreiro, e os ronquillo e ronqueta descansando sobre o brazo, e feita de materiais como granadillo, buxo ou pao santo.

En todos estes anos, a Banda creou un vínculo de amizade moi forte entre os seus membros e os membros doutras bandas, veu casarse a varios membros,veu nacer ós fillos dalgúns compoñentes, futuros gaiteiros e gaiteiras, veu como outros medraban e marchaban do pobo para estudar fora pero voltando o fin de semana para manter viva a tradición da música galega. Debido a todo isto agora “San Xiao do Trebo” só conta con 33 membros, pero segue mantendo a ilusión e amor pola música galega daquel grupo de amigos que se xuntara alá polo ano 89.